(noticias 25.5.20) Ecoloxistas en Acción denuncia os métodos de limpeza das praias de Vigo por seren daninos para o ecosistema

A organización reclama ao goberno de Abel Caballero que mude os métodos de limpeza das praias, os cales supoñen un prexuízo para o ecosistema da zona intermareal e as súas cadeas tróficas. Pídenlle tamén colaboración á sociedade civil.

 

Segundo explican dende Ecoloxistas en Acción, as algas son fundamentais para o funcionamento e conservación dun ecosistema litoral vivo, igual que o é o manto vexetal nun bosque. Depositadas na area, constitúen o alimento dun pequeno crustáceo encargado de “eliminalas” de forma natural, a pulga de mar (Talitrus saltator) quen, a súa vez, forma parte da dieta de moitas aves limícolas presentes na nosa costa como virapedras (Arenaria interpes), píllaras (Charadrius sp) ou correlimos (Calidris sp). 

A reiterada maneira de limpar con excavadoras que presuntamente practica o Concello, retirando as algas e botándoas ao mar, dana gravemente a biodiversidade, priva a estas especies do seu alimento e provoca tamén que se produza unha putrefacción non natural de masas de algas na auga.

Ecoloxistas en Acción exixe ás administracións responsables que se poña fin a tal innecesario proceder e que velen polo coidado e preservación do fráxil equilibrio ecolóxico do noso litoral. Pídenlle tamén a persoas e organizacións da sociedade civil que remitan ao pleno do Concello de Vigo en apoio a esta iniciativa.

Comentarios

Entradas populares