(noticias 19.22.2020) A alcaldesa de Mos volverá insistir nas acusacións xudiciais contra os veciños de Tameiga mobilizados en oposición ao macroproxecto do Celta

Recentemente, o Xulgado de 1ª instancia e instrución do Porriño ditaba o sobremento das acusacións da alcaldía de Mos contra veciños vinculados á Comunidade de Montes de Tameiga. Ante a teima da alcaldesa Nidia Arévalo de continuar coas accións xudiciais, os grupos do BNG, GañaMós e PSdeG acordaron convocar un Pleno extraordinario para solicitarlle a retirada do recurso, a petición de desculpas e a súa dimisión pola xestión deste asunto. Esta semana, os acordos foron rexeitados pola maioría do PP e maila concelleira non adscrita. 

 

Esta semana celebrouse en Mos o Pleno extraordinario convocado pola oposición co obxectivo de pedir a dimisión de Nidia Arévalo. Os grupos do BNG, GañaMós e PSdeG acordaron tamén exixir a petición de desculpas da alcaldesa por teimar na batalla xudicial contra veciños do municipio, todos eles membros de asociacións e comunidades mobilizadas contra o macroproxecto urbanístico e comercial do Celta e o Goberno local nos montes de Mos. Porén, co apoio do PP e a concelleira non adscrita, a alcaldesa permanecerá no cargo e continuará adiante co recurso xudicial. 

Se ben recoñece que a sentenza xudicial observou recentemente a ausencia de delito, Nidia Arévalo asegurou na súa intervención que levaba "un ano e medio esperando para poder sentarme cara a cara con GañaMos, PSOE e BNG e poder saber que pensaban sobre este tema; xa que por parte do goberno local convocamos en xullo de 2019 un Pleno extaordinario ao que ningún se presentou, ata o de agora a ningún lles interesou falar disto, pero agora lles interesa pechar este capítulo".

A alcaldesa volveu insistir na existencia dunha "trama” da Comunidade de Montes de Tameiga, apoiada pola oposición, que pretendía "manipular os resultados das eleccións municipais", e que esta non tivo éxito. Recoñece que naquela altura realizou "unha campaña informativa" para "evitar a alarma social" en relación a uns supostos "recibos falsos" que nunca chegaron ás casas dos veciños e que, de acordo coa decisión da xuíza, nin se asemellaban a "recibos". Cre Nidia Arévalo que a oposición pretende desviar a atención das "cousas positivas" como a saída de La Vuelta, a inauguración da cidade deportiva do Celta e outros proxectos. En resposta ás críticas polos gastos de fondos públicos que supoñen estas accións xudiciais, afirmou que "os gastos derivados deste proceso xudicial os provocan [sic] os autores das cartas falsas, que son os mesmos que provocan gastos con demandas e recursos contra o proxecto do Celta e a Cidade Deportiva en Pereiras"

Por outra banda, na súa intervención, a concelleria non adscrita Verónica Costas insitiu até en cinco ocasións que tamén é da oposición, apesar de aliñar o seu voto e argumentos co goberno municipal. Subliñou que non é xuíz para xulgar o asunto e votou en contra das propostas de retirada das acusacións, dimisión e petición de desculpas. Teima, igual que o PP e o Concello, en que a xuíza certifica uns feitos, obviando que non observa delito, e que nese pleno deberían debaterse "asuntos máis graves e importantes como a crise sanitaria da COVID-19". Ademais Costas lamentou que "pretendan enfrontar a dous parroquias, Pereiras e Tameiga, tentando que entren en guerra civil entre elas”.

Gustavo Barcia, representante do BNG, aproveitou a súa quenda para lembrar que no Pleno extraordinario convocado o ano pasado polo Concello en relación a este asunto, os grupos da oposición decidiron non participar para non contribuir a un "show", no que se sinalou a persoas concretas de delitos moi graves e se tratou de enfrontar a veciñanza entre si. Sinala que aquelas acusacións fican "rotundamente" desmentidas pola sentenza e que a campaña mediática denunciada polo Concello non existe. Cos acordos propostos neste Pleno, afirmou, a oposición tenta "amañar este entorto" creado pola alcaldía. Exixiu un maior respecto pola lei e a presunción de inocencia, e calificou de irresponsábel a xestión deste asunto levada a cabo pola alcaldesa.

O voceiro nacionalista quixo chamar a atención sobre como a xudicialización da conflitividade social en asuntos como o promovido polo Concello atenta contra os principios democrácticos e de como isto forma parte dunha estratexia maior de defensa de intereses privados e contrarios aos da veciñanza. Como exemplo, relatou o acontecido o mes pasado durante a inauguración das instalacións deportivas do Celta en Pereiras, nas que o Concello mandou un camión de protección civil tapar as pancartas que os veciños de Tameiga penduraran no entorno contra o proxecto e que, naquela manobra, o vehículo sufriu unha avaría.  

Non sabemos os custos deste fortuíto suceso, mais si sinala Barcia os 4.000 euros públicos gastados no envío en maio de 2019 ás casas dos mosenses dun recorte de prensa advertindo e acusando das supostas "falsificacións", agora desacreditadas pola xustiza, e mais os 15.000 euros até o de agora empregados na batalla xudicial. Considerou por todos estes motivos que o "nivel de despropósitos é elevado", e pediu a dimisión da alcaldesa.

O voceiro de GañáMós, Román González, calificou de "inxurias" e "acoso" o confrontamento do Concello contra un sector da veciñanza que defende os seus intereses contra o proxecto do Celta, e para os que pediu que o Concello "deixe vivir con tranquilidade". Considera impropia do cargo a actitude mantida pola alcaldesa e criticou que se publicasen reiteradamente os nomes e apelidos das persoas logo absoltas. Criticou que a alcaldesa nunca respectase a presunción de inocencia e que faga campaña con recursos públicos nunha "cruzada persoal" na que "fai de xuíz". 

González quixo tamén facer explícito o seu respecto pola decisión dos comuneiros de Pereiras que decidiron chegar a un acordo co Celta para a construción das instalacións deportivas. Afirmou que, pola contra, a alcaldesa malgasta neglixentemente os recursos públicos dunhas "maltreitas arcas municipais" para defender de maneira partidista unha causa que a sentenza non considerou delitiva, pois non se podían tratar de "faturas falsas" como mantiña a alcaldía.

Os socialistas lembran que o envío das cartas, de acordo coa sentenza, tiña un carácter publicitario e non podía constituír ningún dos delitos imputados. Quixeron recalcar que "a alcaldesa demostra defender intereses persoais e do seu partido por riba dos veciñais, e isto leva a toda a veciñanza a ter que asumir os gastos destas disputas con colectivos e veciños". Victoria Alonso, asegurou que as propostas do Pleno forman parte do "labor de fiscalización das decisións do goberno e poñen voz ao 52% da poboación que votaron en contra das xestión do Partido Popular" e de como a alcaldesa está acostumada a "crerse dona do Concello". Ademais, Victoria Alonso pediulle á alcaldesa máis altura de miras e que abandone "esa pose de autoritarismo", xa que a oposición non puido responder ante as súas reclamacións nin foron aceptadas as peticións de intervencións por alusións persoais.

Por estes motivos a oposicion defendeu os acordos levados a Pleno, os cales non saíron adiante pola maioría absoluta do PP no órgano. Tralo acto, todos os representantes municipais, agás a alcaldesa, accederon a realizar declaracións a este xornal.

Comentarios

Entradas populares