(noticias 22.12.2020) Máis de 1.200 persoas asinaron as alegacións contra a modificación do plan urbanístico que pretende dar cabemento legal ao proxecto do Celta en Mos

 O Concello emite un comunicado no que detalla brevemente as alegacións presentadas contra a modificación puntual do PXOM feita ad hoc para dar cabemento ao proxecto do Celta no municipio. Destaca que algo máis da metade dos alegantes son "de fóra de Mos", e que foron 572 os veciños do Concello os que en total asinaron as alegacións.

 

Os datos recollidos polo Concello sinalan un número total de persoas alegantes de 1.212. De Tameiga foron 1.005 alegacións asinadas por 436 persoas e do resto das parroquias, 312 alegacións asinadas por 135 persoas. De "fóra do Concello de Mos" foron o 53% das alegacións.

A alcaldesa pronunciouse onte para denunciar o que ela considera unha "estratexia de manipulación e mentira, de política de desesperación" dos promotores da recollida de apoios contra a devandita modificación puntual do PXOM. A alcaldesa cre que os datos publicados demostra o "consenso" da veciñanza "fronte aos que só queren destruír e levarse o que sexa e a quen sexa por diante con tal de medrar políticamente”, concluíu a alcaldesa.

Pola contra, desde a Comunidade de Montes de Tameiga sinalan que o número de modelos de alegacións eran tres: un específico para os comuneiros, un relativo ao impacto do proxecto sobre os recurso shídricos e a paisaxe, e un terceiro sobre a afectación á legalidade urbanística. Así se explica que o número de alegacións supere ao de alegantes e, da mesma maneira, sinalan que a recollida de asinaturas foi aberta a toda persoa que quixese apoiala, e non só para os veciños de Mos. 

Neste sentido, os comuneiros subliñan o amplio rexeitamento que existe, especialmente na parroquia de Tameiga, contra esta modificación que permitiría a construción do macroproxecto comercial do Celta nos montes comunais. Entenden que noutras parroquias, afectadas en menor medida, non exista un rexeitamento tan amplamente maioritario e se recollesen menos asinaturas. Á vez, denuncian a guerra mediática lanzada pola alcaldesa, co obxectivo de desacreditar "aos que lle levan a contraria".

A modificación puntual do PXOM recibiu varios informes negativos que impediron a súa tramitación final. Tanto o Goberno central como a Confederación Hidrográfica competente sinalaron importantes eivas en diferentes elementos do proxecto e o Concello deberá redeseñar a modificación puntual segundo aqueles ditames para poder finalmente levar a cabo o proxeco do Celta e do PP en Mos.

Comentarios

Entradas populares